*Lansbrica é un pseudotopónimo inventado pola arqueoloxía ourensá a partir da publicación dun artigo de JUAN CARLOS RIVAS FERNÁNDEZ en 1973. Segundo este autor, *Lansbrica era o antigo nome da citania de Lámbrica, San Cibrao das Las e Ourantes (Ourense).
O invento procede dunha lectura incorrecta, apresurada ou incompleta da ara de Eiras:
BANDV / A LANSB / RICAE AE / MILIVS RE / BVRRINVS
A publicación do citado RIVAS leva como título “Nuevas aras romanas orensanas y rectificaciones interpretativas en otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos”, aparecendo no volume III do Boletín Auriense.
RIVAS inicia, desafortunadamente, a difusión dun exitoso pseudotopónimo, *Lansbrica ou *Lansbriga, que será repetido en publicacións posteriores polo propio RIVAS e por outros autores, sendo empregado incluso en comunicacións e cartelería oficiais de administracións públicas e xestores do Patrimonio.
Unha visita á ara en 2007, grazas á persoa que vivía na casa, Alfredo Lima López, permitiu facer unhas fotografías. Alí podíase ler:
BANDV / ? LAMB / RICAE AE / MILIVS RE / BVRR(I)NVS
A Bandu / ? de Lamb / rica E/ milio Re / burrino (cumpriu o seu voto).
Outro pseudotopónimo da citania de San Cibrao das Las e Ourantes amplamente difundido é *Lanobriga.
🐍
BIBLIOGRAFÍA
RIVAS FERNÁNDEZ J. C.: “Nuevas aras romanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos”. Boletín Auriense, III. Ourense, 1973.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: “A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica” en Ágora do Orcellón 35. Páx. 17-33. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Xuño de 2019. ISSN 1577-3205.